Pleno ordinario do 26 de novembro de 2020

O pasado xoves, 26 de novembro, tivo lugar a sesión ordinaria do pleno correspondente ao mes de novembro. As nosas concelleiras, Saleta Fernández e Santi Martínez, asistiron de maneira telemática, sendo esta a primeira vez que se desenvolvía a sesión con intervencións de xeito non presencial. A seguir facemos referencia aos asuntos tratados no pleno, pero pódese visualizar integramente no vídeo que incluímos nesta publicación.

O peche e liquidación do orzamento de 2019 foi aprobado unicamente cos votos a favor do PSOE. Dende Veciñanza vimos insistindo no deficiente estado das contas municipais, como confirman reiteradamente os informes da Intervención Municipal. O Concello de Cuntis, despois de 5 anos de goberno do PSOE, incumpre a regra de estabilidade orzamentaria e o periodo medio de pago a provedores. Confírmanse, xa que logo, os alarmantes datos do peche da conta de 2018. Tal e como explicou o noso voceiro, Santi Martínez, “o problema económico do concello de Cuntis é estrutural e agrávase coa xestión económica que o PSOE vén mantendo nos últimos cinco anos. (…) Os sucesivos gobernos anteriores excederon o gasto sen axustar os ingresos, mantendo ordenanzas fiscais obsoletas ou contratos de servizos continuados sen renovar. Isto non é unha opinión da oposición, isto é un feito obxectivo que constatan os informes técnicos e que se pode concluír á vista da inoperancia absoluta deste goberno. Existe un problema estrutural de ingresos, este goberno ou non quere ou é incapaz de acometer unha reforma das ordenanzas fiscais que en 2015 si que consideraba necesaria e que agora faise imprescindible. Pero vive mellor de anuncios, e de dicir que non cobra a taxa de terrazas cando en realidade o que non pode é facelo por non ter sido capaz de aprobar os coeficientes necesarios para a súa aplicación. E mentres todo isto sucede, o gasto superfluo non cesa, nin tampouco en pandemia. Os 50.000 euros anuais en propaganda e autobombo, que poden parecer residuais, convértense en 200.000 nunha lexislatura, pero os resultados electorais funcionan e iso é o que importa”.

O seguinte punto a tratar era a valoración das alegacións formuladas polo Partido Popular ao Plan de Mobilidade Sostible e a súa aprobación definitiva, que saíu adiante cos votos favorables de Veciñanza e o grupo de Goberno. Dende Veciñanza consideramos que o PP amosa escasa seriedade neste asunto: non participou nas entrevistas ás que foi convocado no momento da redacción do plan, como si fixemos outros grupos, e como recorda o equipo redactor na resposta a estas alegacións, pero agora presenta alegacións ao documento que, nalgúns casos, son claramente contraditorias co que ten defendido. Santi Martínez respondeulle ao Partido Popular lamentando que “interpreten a mobilidade sostible de igual xeito que a mobilidade convencional: levar o coche a todas partes, non poder desprazarse andando dende a Igrexa ao colexio ou dende O Espadenal á rúa Bernardo Sagasta. (…) É curioso que reaccionen á simple posibilidade de trazar nun documento o sentido único para a Rúa da Palma e defendan aínda a día de hoxe o sentido único na Rúa Bernardo Sagasta, non é fácil de entender esa disparidade de criterios”.

Veciñanza votou a favor da tramitación do Pacto de Alcaldes polo Clima (que foi aprobado) e da moción presentada polo Partido Popular, que recollía diferentes propostas de moi diversa natureza, e que incidían en aspectos xa valorados en meses anteriores. Malia isto, o PSOE decidiu votar en contra e moción non foi aprobada.

Na quenda de rogos e preguntas, interesámonos polas seguintes cuestións:

  • Orzamentos 2021. O Alcalde xa confirmara anteriormente que estaban en elaboración e que nas vindeiras semanas poderían ser debatido en pleno.
  • Licenza municipal para a construción dun novo balneario en Cuntis por parte dunha empresa do sector. O alcalde informa que esta licenza se atopa en tramitación.
  • Seguridade viaria no Espadenal. Esta inquedanza fora xa trasladada por Veciñanza no pleno anterior e nas últimas semanas incrementáronse as preocupacións veciñais ao respecto. O Alcalde recoñece non ter feito nada ao respecto e limítase a afirmar que se alguén detecta unha infracción debe informar ás forzas de seguridade. Dende Veciñanza consideramos que nesta materia debe haber intervencións preventivas debido á especial sensibilidade da zona en cuestión.
  • Camiño da Misa da Louriña. Dous meses despois de ter anunciado o comezo dos traballos, o Alcalde recoñece que estes non comezaron aínda. É necesario un procedemento de deslinde que o grupo de goberno segue sen impulsar.
  • Cúmprese agora un ano cando se aprobou a nosa moción para dotar a Cuntis dunha escola infantil pública. Daquela, o grupo de goberno anunciara, como así se acordara neste pleno, que se contrataría un estudo para valorar a súa ubicación. O Alcalde de novo recoñeceu que non fixera absolutamente nada nesta tampouco nesta materia.
  • Veciñanza tamén volveu incidir no deterioro da Atención Primaria en Cuntis. Dous meses despois de ter pedido no pleno anterior que se retomaran os contactos coa Consellaría de Sanidade, o Alcalde recoñeceu de novo que tampouco ninguén do grupo de goberno o fixera.

Pode verse o vídeo íntegro do pleno a continuación.

Share

Tamén pode gustarche...